Hoxe é o último venres de mes, hoxe é día de Masa Crítica en Ponteareas. Todos os últimos venres de cada mes desde hai máis dun ano, un grupo de biciusuarios xuntámonos na Praza da Igrexa ás 21h para dar un paseo colectivo por Ponteareas.
E vós que queredes? Típica pregunta. Pois a nós e a moitos outros gustaríanos ter a posibilidade de non usar o coche se non queremos e, utópico, a min gustaríame que algún día non o tivese que utilizar. É algo no que me fixo moito cando estou fóra da terriña. As posibilidades de mobilidade que teñen noutros lugares a través desa palabriña que enchen a boca de moitos políticos, a intermodalidade, é dicir, complementar os diferentes medios de comunicación para chegar da túa casa ao traballo ou a onde queiras ir. Porque a bici, o bus e o tren son elementos que todos xuntos, nunha sinerxia perfecta, axudarían moito a reducir algúns dos problemas que temos na nosa sociedade.
E sería tan difícil facer algo? Non. O Condado está atravesado pola liña ferroviaria Vigo-Ourense, polo que a súa posta en valor non sería moi problemática. E introducir un pouco de sentido común nas liñas de autobuses na Comarca creo que tampouco sería tan difícil, por? Pois porque non sería difícil fomentar o uso do transporte colectivo aumentando as frecuencias e racionalizando os horarios das rutas para poder chegar ao traballo e volver a casa. E que haxa algunha liña de autobuses que pase polos polígonos industriais de Porriño!! E que non te miren mal por meter a bici no bus!!!
En fin, unha mobilidade sostible é posible, pero como sempre, os nosos gobernantes carecen de vontade algunha para dar un paso adiante ou, é máis, cando se poñen a facer algo presentan Plans irracionais como o Vigo Íntegra ou o Plan Director de Estradas de Galiza, ...en fin. Ou cando falan de crear un billete único na Comarca deixan fóra a Ponteareas, pero si entra no proxecto Porriño, que recibe xa os autobuses con xente de todos os Concellos anteriores, ...
Unha mobilidade sostible é posible. Adiante todas as Masas Críticas!!
Horarios do Debrúzate a San Cibrán
Hace 15 años