miércoles, 21 de enero de 2009

Un pouco de autobombo: un artigo que nunca pasa de moda


Baixo o lema CO2 Deixa o hábito!. Cara a unha economía baixa en carbono, celébrase este xoves 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente. Desta volta as institucións piden á cidadanía chegada esta data, unha reflexión sobre a necesidade de reducir as emisión de CO2 a través dunha maior eficiencia enerxética, así como o necesario cambio cara a formas limpas e renovables de xeración de electricidade e sistemas de transporte. Precisamente sobre a necesaria implicación da cidadanía en xeral e da comunidade universitaria en particular na consecución dun cambio de pensamento global, reflexiona neste artigo de opinión o presidente do grupo ecoloxísta Adenco, Anxo Saborido. Con 17 anos de vida a Asociación para a Defensa da Natureza do Condado, traballa na defensa, conservación e divulgación da natureza a través da promoción de prácticas como a reciclaxe ou o desenvolvemento sostible.


Camiñando cara Ecotopía


Ecotopía é unha fantasía, unha ilusión creada por Ernest Callenbach xa fai uns cantos anos, nas páxinas dun libro de moi recomendable lectura. Pero Ecotopía pode ser algo máis. Pode ser a forza que nos mova a conseguir un mundo mellor, outro mundo que a este ritmo de crecemento e destrucción desgraciadamente pronto necesitaremos. E para conseguir ese mundo, todos, cada un de nós, na nosa vida privada e nos nosos ámbitos de actuación, temos moito que facer, porque seguro que podemos facer moito máis do que pensamos.


E un dos motores principais para cambiar o mundo no que vivimos, tomando como eixo principal aquel principio do movemento ecoloxista do pensamento global e da acción local, ten que ser necesariamente a Universidade e, concretamente no noso ámbito de acción máis próximo, a Universidade de Vigo. A nosa Universidade, a da maioría dos galegos do Sur, dos que pasamos por ela e dos que non, ten que erixirse en motor impulsor dun cambio de pensamento global de cada un de nós para co Medio. Dende as aulas, dende todas, dende as que poden ter un marcado contacto co Medio, como as bioloxías, ciencias do mar, as enxeñarías de minas ou forestais, ao resto de aulas, tan aparentemente, só aparentemente, distantes, como as aulas de dereito, maxisterio, as enxeñarías restantes todas, empresariais, turismo, … Dende cada recuncho dos nosos tres campus cada estudante novo e non tan novo debería, case, esixir medidas reais e palpables, véndose cada órgano de dirección e xestión, en certa medida, presionado, gratamente presionado, para impulsar medidas que nos axuden a vivir cada vez nun mundo mellor, propondo alternativas que logo se poidan exportar ao exterior.


A Universidade pode ser capaz de crear unha cidade case autónoma nos tres campus, pode crear a súa Ecotopía particular, pero debe ir máis alá e exportar o seu coñecemento, exportar o seu impulso ao exterior, tal vez gran materia pendente da educación superior, que parece vivir na súa torre de marfil, sen decatarse do mundo no que vive, no mundo real, mundo ao que debe baixar, acercarse de xeito definitivo propiciando ese cambio de mentalidade. Camiñando cara Ecotopía

No hay comentarios: